Fluxgate
Sona a xornalismo de investigación, pero é o tipo de prospeción magnética que o noso compañeiro Carlos Otero comezou a experimentar no campo d’A Lanzada. O gradiómetro tipo fluxgate rexistra anomalías no subsolo, dende as producidas por combustións pretéritas, pasando pola presenza de estruturas arquitectónicas soterradas ou estruturas en negativo (foxos, gabias, foxas). A existencia de restos metálicos e as afeccións producidas por intervencións precedentes producen anomalías, como é o caso deses aliñamentos que se corresponden cos pivotes de cemento con ferro interno que cinguían a área de escavación nos anos 70. Na esquina NW podedes intuír unha serie de estruturas de grande porte de pranta cadrada e/ou rectangular. Se vos fixades, vós mesmos enxergaredes posibes restos. Agardemos ca estes trebellos non evolucionen moito, porque van deixar no paro a todos os arqueólogos deste país. O que está fóra de toda dúbida é o magnetismo que transmite o fermoso campo d’A Lanzada.
Os comentarios están pechados.