Aberto por obras
Nova entrega de A Décima Onda de Xosé Gago en Galicia Hoxe
http://www.galiciahoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=562286
Nas dúas anteriores entregas desta nosa nova xeira polo complexo histórico da Lanzada, na parroquia de Noalla, Concello de Sanxenxo fixemos unha breve síntese do que significaran as intervencións anteriores neste macroxacemento. Lanzada foi un desfile de grandes persoeiros dos diferentes momentos da arqueoloxía galega. Sánchez Cantón, Filgueira Valverde, Blanco Freijeiro, Fariña Busto, García Alén ou de la Peña Santos son algúns dos nomes propios que trataron de descifrar os segredos deste lugar de monumental paisaxe.
A esta listaxe de nomes, súmanse agora os dos compoñentes da Décima Onda, equipo comandado polo arqueólogo da Deputación de Pontevedra Rafael Rodríguez aos que a propia Deputación deu un nome oficial, o de Brigada nº 6, que apela á épica. A Brigada confórmana aparte dos técnicos do LaPa(CSIC) e o propio Rafael, un grupo de traballadores escollidos de entre a cada vez máis dilatada lista de parados galegos. Como xa apuntamos nas anteriores visitas do noso De Lorean á Lanzada, un dos obxectivos do Proxecto Pousadas no que se encadra a escavación e promovido pola Deputación de Pontevedra, é a dinamización económica da comarca do Salnés e unha das fórmulas é a de dar a esta Brigada nº6 formación como arqueólogos auxiliares para resitualos no panorama laboral.
Esta Brigada nº 6, á que xa iremos coñecendo máis polo miúdo é un grupo heteroxéneo do que forman parte dende licenciados en Ciencias do Mar até expertos en viticultura pasando por xogadores de póker de alto nivel. De calquera xeito, dende o primeiro día xa case todos lle teñen o punto pillado a esta cousa de escavar por estratos e sachos e paletíns xa se converteron nos seus mellores aliados. De feito, quen vexa as fotos que se van colgando en alanzada.wordpress.com ou mellor aínda, quen se achegue polo lugar comprobará que os traballos realizados responden a unha enorme profesionalidade, lonxe da “merenda campestre” vaticinada dende algún sector.
Coñecemos pois as anteriores intervencións mais, que está facendo a Décima Onda en Lanzada?, cales son os primeiros resultados?
Se cadra unha das innovacións dos últimos tempos na arqueoloxía galega foi a xeneralización no emprego de estacións topográficas tanto para xeorreferenciar o xacemento en si e os sectores de escavación como para situar con precisión a estratigrafía, as estruturas e os materiais en coordenadas para ter unha lectura da escavación moito máis completa. É a grande achega da arqueoloxía espacial. Así, o primeiro que se fixo foi o levantamento topográfico do xacemento para situar nese “mapa” os distintos elementos que se vaian atopando.
O seguinte paso foi o de pasar pola zona un gradiómetro de protóns, un trebello que “escanea” o xacemento, fai unha especie de radiografía do mesmo co obxectivo de localizar estruturas antes de escavar. Este tipo de aparellos, moito máis complexos que os detectametais que non adoitan fornecer bos resultados neste tipo de xacementos, son moi empregados na arqueoloxía inglesa e paseniño, vanse instalando na arqueoloxía galega. En Lanzada, semella que “a priori”, os datos obtidos co gradiómetro, manexado por Carlos Otero, son bastante positivos localizándose algunha posíbel
estrutura.
Xa metidos na terra, o paso seguinte foi o de escavar para localizar as sondaxes anteriores, para o que foi indispensábel a colaboración do Museo de Pontevedra na figura do seu director, D. Carlos Valle facilitando o acceso ás fotos antigas e aos diarios de escavación. Esta fase, que polo momento non rematou pode resultar un pouco cansa xa que é mover terra de niveis que nun principio non fornecerían demasiado material mais é fundamental para comprender ben a estratigrafía do xacemento xa que se ten a vantaxe de poder ler nos perfís anteriores a secuencia de niveis.
Falabamos a semana pasada da importancia da estratigrafía na arqueoloxía cientifista dos anos 70 e a consecuente utilización dos testemuños Wheeler. Os testemuños caeron en desuso mais como é lóxico, a estratigrafía continúa a ser un dos piares da ciencia arqueolóxica, de aí que se esmeren tanto os arqueólogos da Décima Onda en refacer os perfís antigos que co paso do tempo foron cedendo, acumulando terra ao seu carón. Na nosa visita desta semana, puidemos comprobar como estes renovados perfís levan a firma de Roberto Aboal, codirector da intervención. Roberto é un arqueólogo ao que lle gusta poder ler claramente nos perfís polo que gusta de facelos perfectamente rectos, case con escuadra e cartabón e limpos como para poder comer neles. Que escavou con Roberto, sabe que dirixindo é unha sorte de Xavi Hernández, continuando co símil futbolístico. Móvese por todo o campo apoiando aos diferentes compañeiros no momento que máis o precisan. Ten visión de xogo para saber onde ampliar, onde pode haber bos resultados e sobre todo, fai que toda a equipa participe facendo a todos sentir parte dun grupo acadando equipas moi cohesionadas.
Escavando estes niveis nun principio bastante estériles, a Lanzada revelouse unha vez máis como un xacemento bastante especial. No pouco tempo que leva a intervención e nestes estratos de “recheo” acadáronse xa preto das mil pezas das que destacan un vidro romano, varias sixillatas tardías,diversos fragmentos de cerámica indíxena así como anacos dunha mesma ánfora do tipo Haltern70, mais até o de agora, a peza estrela é o mango de puñal ou coitelo que vemos na foto, feito en óso e totalmente decorado.
O facer divulgador e de portas abertas da Décima Onda, xa comezou e quen se achegue poderá ver in situ algunhas destas pezas. De luns a venres e de 13:00 a 14:00 realizaranse visitas guiadas polo xacemento, para coñecer de primeira man o labor arqueolóxico e a historia deste enclave. Para concertar unha visita de grupo, pódese contactar a través do número de teléfono 600940133. Asemade, en alanzada.wordpress.com pódense ver os primeiros videoblogs da intervención. Unha innovadora técnica de divulgación na que se informará en vídeo periodicamente sobre o desenvolvemento dos traballos.
Por outra banda, comezan tamén as conferencias para informar os veciños de Noalla da escavación e os seus progresos na Casa das Canteiras. No blog da escavación poderás informarte sobre cando terán lugar.
Xa é unha realidade. A campaña de escavacións da Lanzada xa comezou e os primeiros resultados empezan a serlle arrincados á terra. Devecemos porque os nosos bois nos volvan guiar até este parque temático en vivo da Historia de Galiza a vindeira semana e deixarnos levar polo fluxo e refluxo desta Décima Onda que de seguro vai dar mancheas de sorpresas este verán.
Fotografía de Yolanda Porto.
Os comentarios están pechados.