Saltar ao contido

Mal de raza

by o 24 Xuño 2010

De xoves escoitamos que unha parte dos galegos son esveltos e gráciles cal gacelas, barís, de ollos azuis e pel rosada como consecuencia do sangue céltico que corre polas súas veas. Falábannos dunha raza que procreaba homes e mulleres destemidos e arriscados, iso si, cunha pequena inclinación á señardade.

Pero –o noso gozo nun pozo- ocultóusenos, á mantenta, algunhas tachas que fixeron que xeracións enteiras de paisanos galegos –celosos depositarios de tan prezada herdanza- viviran nun sin vivir, magoados por males de espírito que teñen difícil remedio.

O inefable don Prudencio Canitrot sinala entre eses males o temible “meigallo” como proba “de que la levadura céltica se ha transmitido de generación en generación con todo el vigor de los tiempos primitivos”.

Os paisanos –coitadiños eles, como a crise, todas as desgrazas recaen sempre sobre os mesmos- adoitan “padecer o mal de raza, [a negrita é nosa] mal de la superstición y del espíritu”. Mal asunto, porque de todos é coñecido que contra o herdo xenético, contra os atavismos en suma, pouco se pode facer.

Así que cando vaiamos ao médico e, despois das pertinentes análises, constatemos que temos alto o colesterol, desmadrados os triglicéridos e desaforada a bilirrubina, no transo de inquiriren ao doutor pola doenza que padecemos, el –sen dúbida ningunha- ditaminará tallante:

– Ten vostede o mal de raza.

Entón, de súpeto, unha luceciña acenderase no noso cerebro e comprenderemos  o por qué daquela propensión irrefreable a enche-lo bandullo con callos, lacón con grelos, cocido con fundamento e o gusto –case paixón- polo porco celta ou porco landrán.

O bo de don Prudencio puxo broche de ouro aos seus comentarios sobre A Lanzada con este ditame sobre a ermida: “la capilla es insignificante, y su diminuto ábside más bien parece un palomar”.

Conclusión: o mal de raza afecta tamén aos escritores, sobre todo aos soberbios e finchados. Todos temos días faustos e infaustos. Nestes últimos, o mellor é absterse de coller a pluma.

(Para Antonio de la Peña).

Citas literais: Prudencio Canitrot, “El meigallo”, La Temporada en Mondariz, nº. 13 (27-VIII-1911) e “El santuario de La Lanzada”, id., nº. 17 (25-IX-1910).

Foto: Museo de Pontevedra. Colección Nosa Señora da Lanzada.

Texto: Buenaventura Aparicio Casado.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: