O achádego
Días sacando metros cúbicos de lixo e de recheos contemporáneos fan desconfiar totalmente da Arqueoloxía. As preguntas sucédense: por que isto é antigo e aquilo non? De seguro que aquí hai cousas vellas? Na nosa experiencia en campos de traballo con voluntarios pasaba exactamente o mesmo até que un día aparecía por vez primeira algo estrano, interesante, distinto que non deixaba indiferente a ninguén. Na Brigada nº 6 temos incrédulos, escépticos, apaixoados, relativistas, e mesmo algún que aprendeu do seu avó que debaixo dunha grande pedra sempre hai un tesouro. Todas estas percepcións e prexuízos fan dunha escavación unha experiencia irrepetible. Antes do enmague de óso que rematou con calqueira dúbida, comezaron a agromar anacos que axudaron a motivar e incentivar a brigada nº 6. Estes fragmentos de cerámica estampillada castrexa serviron tamén para explicar toda a metodoloxía de rexistro nunha escavación arqueolóxica, dende o uso do pincel deica a gravación das coordenadas na estación total.
Os comentarios están pechados.