Saltar ao contido

Cen anos e oito meses

by o 23 Xuño 2010

As colareiras d’O Grove que venden na ermida d’A Lanzada faláronnos do vello sancristán da capela,  un home dabondo vello para recordar a ponte levadiza que seica unía o illote con terra. O antropólogo Buenaventura Aparicio Casado, tras falar coa farmacéutica e o crego de Noalla, deu cun nome e un enderezo: Jaime Vidal, casa do Conde.  Baixando por unha urbanización virtual paralizada, chamada Estilo Sanxenxo (sic), con farolas de deseño e beirarrúas baldeiras, demos coa dita casa do Conde, antiga casa nobiliar de misterios agochados.  Dende o porche aparralado temos unha fermosa panorámica coa ermida d’A Lanzada ao fondo. Como di unha amiga, alí estaba o señor, un deses señores que está agardando por ti malia que ti non o saibas.

A reforma da casa só conservou a porta de entrada e o escudo pacego.  Tocóns orfos anuncian as tertulias estivais. Jaime senta ao carón do seu sobriño Manuel, bo contador de historias. Buenaventura Aparicio ofrece unha lección maxistral do que é unha boa enquisa etnográfica.  Na conversa sae o crego don Leonado, que faleceu dun infarto ao pé da torre (todo o mundo lle chama o castillo), escoa a Santa Compaña, que don Jaime afirma ter visto na Lanzada, que ían os defuntos camiño do sanatorio de tuberculosos lanzado ao aire foguetes roxos. O señor Valverde tamén aparece citado varias veces. A táctica dos paisanos para estrelar barcos contra a costa co gallo de facerse cos mercadorías e provisións. Memoria viva d’A Lanzada.

Jaime Vidal, cen anos e oito meses, deixou para a posteridade pequenos tesouros coma este:

Contaban os meus abuelos cando eu era pequeno, que desaparecera a Virxe, que roubaran a Nosa Señora. Buscouse durante días e noites e ao cabo do tempo apareceu a Nosa Señora enriba do castillo, fiando na roca.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: