Saltar ao contido

Testemuños setenteiros

by o 20 Xuño 2010

Xosé Gago continúa en Galicia Hoxe co seu seguimento do proxecto d’A Lanzada, toda unha xoia da divulgación arqueolóxica neste país:

Na nosa xeira anterior polo grande areal de Noalla, esbozamos a vista de paxaro o que significaron as primeiras escavacións da Lanzada, e como Blanco Freijeiro, integrante desta primeira equipa arqueolóxica da Lanzada, actúa de bisagra entre dous paradigmas arqueolóxicos. Blanco comeza a utilizar o termo Cultura Castrexa amosando o derrubamento do paradigma celtista que co tempo derivaría nun auténtico anticeltismo. Nun verdadeiro desmarque da ciencia de calquera suxestión de que a nosa Idade de Ferro tivera algo que ver co mundo céltico. Se cadra, Francisco Calo Lourido, escavador de Baroña é o máximo expoñente deste anticeltismo.
Os sesenta esmorecen devagar e como acontece con toda década, deixan paso a unha nova. Os sesenta despídense cun dos acontecementos musicais máis importantes da historia: Woodstock. O multitudinario festival ten lugar só un ano despois do maio do 68. Época de protesta, de cambio. Os setenta ábrense musicalmente co Songs of Love and Hate de Leonard Cohen no mesmo ano no que o Duque Branco crea o Home que vendeu o Mundo. É a época da psicodelia, da Laranxa Mecánica, das Volkswagen Caravel e a Revolución dos Caraveis, das flores no cabelo e as bombas nos xogos olímpicos. Do pacifismo e do terrorismo (ás veces de Estado).
Estes setenta acabados de nacer verán en España, no seu ecuador, a fin da ditadura, no mesmo ano no que os americanos abandonan Vietnam tras regalo de napalm e nace outro símbolo do Imperio: Microsoft.
Galiza non é allea aos setenta sacándose as primeiras lagañas do tardofranquismo. As nosas praias comezan a inzarse de Piroliñas e Tetiñas Free que eclosionarán como movemento na seguinte década, toda unha metáfora de liberdade.
Tamén comezan as praias a acoller un novo deporte, o surf. Con primitivas táboas moitas veces feitas á man. Nun principio uns poucos intrépidos para consolidarse coas décadas nun deporte moi practicado nas nosas costas.
O bruar do mar da Lanzada, fai que dende cedo sexa un destino propio para a práctica deste deporte. Toda unha imaxe da posmodernidade. As táboas parafinadas compartindo ondas coas mulleres desexosas de dar vida. Moda importada e
tradición.
Como vemos nas fotos, a equipa dirixida por Fariña Busto que nesta época escava na Lanzada non é allea á súa época. Cabeleiras enguedelladas, cintas no pelo e camisetas de asas. Poboadas barbas e puños ergueitos.
Mais non só na moda, estes Beach Boys son fillos dos setenta tamén na conxuntura científica que viven ou máis ben, que crean. Son os actores dun cambio no paradigma arqueolóxico. Esta arqueoloxía setenteira, debullada por Blanco Freijeiro, está moi ligada ás primeiras xeracións asadas na USC, e caracterízase polas súas angueiras cientifistas e sistematizadoras así como por unha arqueoloxía multidisciplinar. O punto de inflexión do cambio de paradigma son as ‘I Jornadas de Metodología Aplicada de las Ciencias Históricas’, organizadas pola USC en 1973.
Dende o punto de vista metodolóxico, destaca a gran preocupación pola estratigrafía, xa que unha das súas teimas era o establecemento de cronoloxías. O tempo.  Esta  teima estratigráfica, ten a súa pegada máis obsesiva nos testemuños Wheeler que inzaban a superficie do xacemento. As cuadrículas Wheeler responden a unha metodoloxía consistente en escavar pequenas cuadrículas deixando un muro de terra, sen escavar, no medio, os testemuños, que facilitan a lectura estratigráfica do sitio.
Neste sentido, a Lanzada é exemplar pois nun momento no que era común considerar que dun castro galego non se podía obter rexistro estratigráfico, chegan os nosos Beach Boys e establecen os doce niveis da Lanzada. Unha vez máis, o noso xacemento, escenario do nacemento dunha nova arqueoloxía como acontece agora coa Décima Onda.
Nesta época, Fariña Busto, elabora a entrada ‘Lanzada’ para a Gran Enciclopedia Galega. É boa mostra tamén dese cientifismo do que falamos.
Nesta entrada, dásenos a secuencia de ocupación do asentamento. O estrato máis antigo identifícano coa Idade do Bronce Final a través duns fragmentos cerámicos. Rexístrase despois un nivel correspondente á Idade do Ferro, concretamente aos século V-IV a. C., con materiais de importación púnica que evidencian un contacto temperán co Mediterráneo así como follas de coitelos ou un peite de óso e diversas estruturas circulares.
O tempo pasa na Lanzada, e xa de época romana, séculos III e IV da nosa era, data a famosa necrópole cuxos defuntos destacan polo seu estado de conservación e os seus enxovais que nos dan abondosa información das súas vidas. Do mesmo tempo da necrópole é un complexo edificio con diversas divisións internas salientándose unha delas cuberta con bóveda. Materiais asociados a este período do xacemento son sixillatas, tanto gálicas como hispánicas, cerámica campaniense e ibera ou ánforas que afondan na importancia comercial deste enclave, acompañadas doutros materiais de tradición indíxena.
De época altomedieval, de arredor do 960, data a torre da Lanzada, mandada construír por Sisnando nun intento de defender o país das invasións normandas, cun plan estratéxico que supón tamén a erección do castelo de San Xurxo, no Pindo, entre outros. Ao carón dos restos da torre érguese dende o século XII ou XII a ermida da Lanzada, escenario de abondosos e curiosos ritos coma o de voltear a tella ou varrer a capela. O conxunto medieval de Lanzada pervive até o século XV no que toma parte nun dos episodios máis evocadores da nosa Historia, As Revoltas Irmandiñas. Neste momento, a torre é derrubada, mais sérvelles logo aos Irmandiños como último refuxio antes de seren reducidos por Pedro Madruga.
Esta entrada da Gran Enciclopedia Galega tamén é boa mostra da necesidade divulgadora da Décima Onda, da devolución á sociedade do esforzo invertido nos proxectos a través de información e publicación dos resultados, xa que de todo o que se escavou nesta unión do Grove co continente é a única publicación dalgún dos seus escavadores coa que contamos.
Neste sentido, cabe recordar que esta escavación é posíbel grazas á Deputación de Pontevedra e aos fondos Feder mais tamén á mancomunidade de Montes de Noalla que cedeu os terreos e sobre todo a Rafael Rodríguez. Rafa é o arqueólogo  da Deputación de Pontevedra e tamén a persoa que mellor coñece o xacemento da Lanzada. Coñecemos a Rafa nun verán no que o noso De Lorean ía de Castrolandín ao Neixón dun xeito continuo. Os nosos bois eran aínda un pouco máis novatos no tema da arqueoloxía e quen conduce, sabía aínda menos do pouco que sabe agora. Estabamos escavando, metidos nos nosos buratos e chegou Rafael Rodríguez. Colleu os anacos cerámicos acabados de desenterrar, sucios e cheos de terra. Tras examinar un por un os fragmentos con ollo experto, cantaba a forma á que pertencían, o seu lugar de procedencia, a súa cronoloxía… todo sen soberbia, coa naturalidade de quen é depositario dun saber froito de moito traballo e de noites en vela. Os do De Lorean quedamos pampos. Foi deses momentos nos que somos conscientes de todo o camiño que nos queda por percorrer.
Todo o rexistro arqueolóxico polo que nós pasamos por enriba nesta entrega é perfectamente coñecido para este arqueólogo pontevedrés que pasou días e días nas catacumbas do Museo de Pontevedra analizando materiais e tratando de comprender este complexo xacemento. O seu esforzo pasou tamén por tratar de convencer as institucións da conveniencia de escavar neste xacemento até que finalmente o conseguiu. Como apuntou recentemente Francisco José Padín Nogueira no seu blog Novas de Arqueoloxía, “Para el (Rafael Rodríguez) , a Lanzada ven ser o que Troia para Schliemann”. Grazas Rafa!

http://www.galiciahoxe.com/indexSuplementos.php?idMenu=17&idNoticia=559256

Fotografía de Antonio de la Peña Santos. Escavacións nos anos 70 n’A Lanzada.

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: