Alfredo García Alén, un namorado da Lanzada
Alfredo García Alén, mestre de moitos pontevedreses que pasado o tempo poñemos degoro nestes mesteres da Arqueoloxía e da Antropoloxía Cultural, foi un profesor de personalidade singular. Cun arrouto forte, impoñía respecto a que non o coñecía. Co tempo, aos poucos, descubrías que aquel temperamento afouto agachaba unha humanidade que o sobordaba e un grande e xeneroso corazón. Home de amplos e variados coñecementos, sobranceaba –na miña opinión- polo seu amor á terriña e pola súa habelencia para establecer o rapport, o bo rollo cos paisanos dos que, en amigable conversa, obtiña a información que lle interesaba. A paixón e o entusiasmo que puña nas tarefas ou nas xeiras nas que se embarcaba eran outros trazos definitorios do seu carácter. Ninguén participou e vivenciou as escavacións na Lanzada coma el. Grande mágoa foi que non vira a luz a publicación que, segundo Fariña Busto, preparaba sobre o folclore recollido na zona, que figura como obra inédita no compendio da súa bibliografía publicado na revista Pontevedra Arqueológica I. Porén, un baleirado do Inventario Arqueolóxico do Museo de Pontevedra (caixa Sanxenxo) e un artigo seu publicado no Faro de Vigo do 30 de Agosto de 1974, dannos pistas abondo para establecer os fitos ou núcleos temáticos que definen a ese espazo mítico, lendario e festivo que é A Lanzada.
Nunha improvisada enumeración temos a presenza dos mouros, a mourería e o seu vencello imaxinario co barrio de Mourelos –os nomes de lugar fornecen de historias o folclore galego- e o seu enterramento na necrópole da Lanzada. O suposto culto a unha “dea marina” relacionada coa fecundidade; a súa posterior cristianización e a súa conexión co baño das nove ondas é o aspecto –por suxestivo- máis coñecido e difundido da Lanzada. Os relatos sobre a Santa Compaña e os remedios preventivos para evitaren males maiores no caso de atoparse con ela; os ritos e prácticas sanadoras para curar o meigallo ou enfermidades como a sarna, non podían faltar nun espazo taumatúrxico como A Lanzada. As crenzas tipicamente mariñeiras do barco do Sol, dos mortos e o fluxo e refluxo das mareas, e da existencia de tuneis baixo o mar, tamén están presentes. O mestre, sensible ao engado da paisaxe maxestuosa da Lanzada, laiouse amargamente das que el denomina “desurbanizacións” incontroladas que, co transcorrer do tempo, estragarían para sempre gran parte da necrópole. A iconoclasia de certa xente semella seren un mal endémico do que non nos damos ceibado.
Texto de Buenaventura Aparicio Casado.
Os comentarios están pechados.