A décima onda
O xove arqueólogo vilagarcián Xosé Gago vén de iniciar a sección A décima onda na súa colaboración semanal na serie De Lorean de Bois no xornal Galicia Hoxe. Ao longo do verán irá dando a coñecer a metahistoria e resultados do proxecto A Lanzada 2010. Velaquí a primeira entrega: Capítulo 0.
É abondo coñecido o xeito no que a sociedade tradicional galega lle outorgou á Lanzada e, nomeadamente, ás súas augas, unha serie de poderes purificadores que combaten enfermidades e meigallos. Sen dúbida, o máis popular é o rito das nove ondas polo que a muller que queira quedar embarazada deberá meterse no mar até cubrir a cintura e esperar a que nove ondas pasen por ela. Segundo Mariño Ferro, a muller, neste caso, primeiro purifícase coas augas e logo recibe un macho simbólico, o mar. O movemento mariño, de fluxo e refluxo, foi interpretado por diversas culturas coma unha metáfora da cópula, de aí que o mesmo autor asegure que neste costume non haxa superstición, senón unha imaxe simbólica de gran forza.
Mais agora, logo das consabidas nove ondas, chega á Lanzada unha nova onda con moita forza. A Décima Onda. Trátase dun grupo de arqueólogos que, aglutinados en torno ao IEGPS, están a reformular a arqueoloxía no século XXI. Unha arqueoloxía que se convertera nos últimos tempos nun xogo privado de naipe entre eruditos e académicos sentados en cátedras comidas pola couza, e que vía nas paredes da Universidade, un límite físico á súa expansión.
Igual que se amosou noutros xacementos como Neixón, o xeito de entender a arqueoloxía deste grupo renovador pasa pola dimensión social, é dicir por escavar, non de costas á xente senón mirándolles á faciana, non pechar espazos que normalmente teñen moita importancia para a comunidade local senón tratar de outorgarlles novas dimensións simbólicas, respectar as interpretacións que a sociedade tradicional puido facer da paisaxe arqueolóxica considerándoas tan válidas como as que pode facer a propia arqueoloxía, facer un incansábel labor de divulgación, valéndose tanto das novas tecnoloxías (blogs, documentais…) como do xa clásico libro impreso ou das visitas e conferencias.
Porén, a arqueoloxía social non lle gusta a todo o mundo, e moitas veces mesmo aos que levan a verba socialista nas súas siglas ou levan un cartel de progresistas como desgraciadamente se demostrou tamén n`O Neixón ou nas verbas que recollía La Voz de Galicia o 06/05/10 do portavoz do Bloque de Sanxenxo onde criticaba a participación cidadá nas escavacións d´A Lanzada. Este suxeito, mesmo se laiaba, nas mesmas declaracións, de que os ditos traballos non fosen levados a cabo por profesionais e técnicos cualificados menoscabando a profesionalidade dos encargados. Xurxo Ayán, Rafael Rodríguez, Roberto Aboal, Virginia Castro ou Cristina Cancela, forman parte do equipo d´A Lanzada, e todos estarían sen dúbida nunha lista de convocados se houbese unha selección galega de arqueoloxía.
Como xa apuntamos en andainas anteriores ,imos percorrer cos nosos bois o espazo simbólico e real d´A Lanzada mentres duren as intervencións na parroquia de Noalla, co gallo de facernos eco do que alí vaia acontecendo.Deste xeito, neste capítulo cero, explicaremos un pouco as orixes do proxecto e comentaremos tamén as intervencións precedentes para sinalar que é o que poden atopar os paletíns da Décima Onda durante os traballos deste verán. Co título desta primeira entrega, queremos tamén chiscarlle un ollo ao homónimo blog de Manuel Gago, que responde en certo modo ao mesmo concepto divulgador da Décima Onda, onde se dedican moitas liñas á arqueoloxía galega, entre moitos outros temas. Ademais do blog de Manuel, quen queira ir coñecendo de primeira man o que acontece n´A Lanzada, pode dirixirse a Lanzada.wordpress.com, onde o propio equipo arqueolóxico irá subindo información sobre o proxecto.
O proxecto arqueolóxico de Lanzada hai que entendelo dentro dun contexto máis amplo, o Proxecto Pousadas ao que lle deu pulo a Deputación Provincial de Pontevedra. Este proxecto, que recibe fondos do Plan Feder, ten por obxectivo a posta en valor dos recursos da comarca do Salnés. É unha posta en valor integral que atende tanto os recursos patrimoniais, como os ambientais e paisaxísticos entre outros e que pretende á súa vez xerar un desenvolvemento económico a través de novas estratexias turísticas ou o fomento do emprego. Neste sentido, o equipo de traballo que actuará neste xacemento está formado por xente da contorna apuntada ao INEM aos que se lle quere dar unha formación como auxiliares de arqueoloxía tratando de resitualos no sistema laboral.
É un proxecto integral para unha comarca que excede por tanto as capacidades dun Concello e que vén xustificar a existencia mesma das deputacións nun momento no que están sendo cuestionadas.
Entrando xa a percorrer a vista de paxaro as intervencións arqueolóxicas na Lanzada que preceden á que comeza esta semana, debemos salientar que foi este un xacemento abondosamente escavado e no que se poden rastrexar os distintos paradigmas científicos que se sucederon na arqueoloxía galega.
Deste xeito, as primeiras intervencións, dirixidas por Filgueira Valverde, egrexio director do Museo Provincial de Pontevedra, na década dos cincuenta responden ao paradigma celtista propio da época e que ten en Florentino Cuevillas a un auténtico gurú. En plena ditadura, os pioneiros arqueólogos galeguistas coma o propio Cuevillas ou Bouza Brey, souberon, logo dun tempo de exclusión, imbricarse no sistema da época chegando a ocupar cargos de relevancia a nivel galego no mundo arqueolóxico. O anterior Seminario de Estudos Galegos, ligado á Xeneración Nós e a un nacionalismo de corte tradicionalista esmoreceu na Longa Noite de Pedra, mais en 1944, “reconverteuse” no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS) onde tanto Cuevillas como Bouza tiñan importantes cargos e ao que estaba moi ligado Filgueira Valverde dende a orixe. Este é o contexto científico no que hai que entender esas primeiras intervencións
A metodoloxía daqueles tempos, dista moito da empregada hoxe en día, a base eran traballadores sen formación sometidos ás ordes dos eruditos que clasificaban o que se ía atopando. Asemade, no puramente arqueolóxico o que interesaba era exhumar estruturas, cuxos muros “se ían seguindo”, ampliando a zona escavada, dando como resultado unhas unidades de rexistro moi afastadas, en forma, das actuais catas cuadrangulares. O rexistro estratigráfico era case anecdótico, establecéndose unha serie de niveis moi a “grosso modo”.
Codirixe xunto a Filgueira Valverde estas campañas Sánchez-Cantón e entre o equipo atopamos a García Alén. Resulta significativa tamén a presenza de Blanco Freijeiro, quen actuará de bisagra entre concepcións arqueolóxicas, introducindo nos primeiros sesenta o concepto de “cultura castrexa”, facendo patente o abandono do paradigma celtista que dará paso nos setenta a unha arqueoloxía de pretensións máis cientifistas. Mais esta etapa da vida da Lanzada tratarémola na seguinte visita do noso De Lorean ao xacemento.
No que respecta aos achados deste período de escavacións, segundo escribe Filgueira, foron exhumadas casas circulares e ovaladas coas súas lareiras e vaixelas de cociña. Porén, o máis evocador e polo que Lanzada é coñecida e pola aparición dunha necrópole tardorromana cos esqueletes nun excelente estado de conservación polas características do chan. Nunha arqueoloxía sen mortos como é a galega, o achado destes cadáveres resulta moi significativa, como recorda o propio Filgueira nun artigo en La Voz, xa en 1983 “Creo que hasta hoy no se ha repetido un hallazgo como aquél, y que los esqueletos de La Lanzada siguen siendo los hombres gallegos más antiguos que se conocen.”
Lonxe destes plantexamentos de buscar os “primeiros galegos” propios desta arqueoloxía etnicista hoxe superados, como veremos, malia ser paradoxal, estes esqueletes teñen moita chicha.
Como continuaremos a comprobar en seguintes entregas, boa parte da nosa Historia atópase neste recuncho da parroquia de Noalla na que este verán se volvera escavar tras dun longo período de baleiro. Recomendamos pois a que sinta a súa imaxinación excitada que se achegue nos próximos meses a visitar as escavacións, onde o equipo científica do proxecto lles axudará a resolver dúbidas mais tamén a formularse novas preguntas.
Resulta curioso examinar a historia da arqueoloxía galega e observar como hai unha serie de permanencias no tempo. Por exemplo, o IEGPS, moi cambiado, volve escavar na Lanzada medio século despois. Incluso os antergos dos nosos bois participaron nas escavacións da Lanzada como podemos ver na foto que ilustra este artigo. Continuando a enumerar permanencias, a enorme colaboración do Museo de Pontevedra a través do seu arqueólogo, Antonio de la Peña e de Carlos Valle, digno sucesor de Filgueira na dirección.
Seguiremos de preto o traballo desta Décima Onda informando semanalmente dos novos achados así como dos de campañas anteriores, tratando de comprender este xacemento e de escoitar o que os seus vellos poboadores tratan de contarnos.
Os comentarios están pechados.