Skip to content

As colareiras do Grove

by o 15 Xuño 2010

Escribe Xosé Manuel Sarille hoxe en El Correo Gallego

http://www.elcorreogallego.es/opinion/firmas/ecg/as-colareiras-do-grove/idEdicion-2010-06-15/idNoticia-558331/:

NON HAI RAZÓN ningunha para que as alfaias compostelás de acibeche e os encaixes de Camariñas estean considerados como requintadísimas expresións do espírito creativo galego e as xoias de cunchas feitas a man polas mulleres grovenses sufran un desprezo absoluto, e teñan que ser substituídas nos postos de venda da Toxa por quincalla estandarizada que vai configurando un verdadeiro monumento á fealdade, ao safio, e matando, aos poucos, unha das expresións artesás de maior riqueza de Galicia.

Os pendentes, as pulseiras e os colares que elas fabrican son dunha extraordinaria elegancia, e acadan en ocasións a altura das obras únicas e inimitábeis.

Todogrove Edicións publicou nestes días unha obra colectiva, con textos e fotografías, que se titula As colareiras do Grove e que pretende chamar moi seriamente a atención sobre este abandono, esta desconsideración. Relata ademais a durísima historia do colectivo das artesás e vendedoras.

Tamén conta a historia dos tres floreiros, encargados para a dona de Francisco Franco, alcumada La Collares precisamente pola súa afección a eles, e polo seu costume de mangalos nas xoierías que visitaba. Disque os ourives da Coruña constituíron unha mutua de riscos para resarcir as vítimas da pulsión cleptómana de dona Carmen Polo. Os floreiros de cunchas nunca lle foron pagados a Natalia a Pregha, unha humildísima traballadora.

O libro debería de valer para dignificar esta antiga disciplina, para esixirlle sentido de país á Dirección Xeral de Comercio, á Fundación Centro Galego para a Artesanía e o Deseño e á Consellaría de Cultura. E para iniciar un labor intenso de estudo, promoción e coidado.

Advertisements

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: