Skip to content

Un día n’A Lanzada

by o 11 Xuño 2010

Publicamos en Galicia Confidencial a seguinte colaboración presentando o noso proxecto d’A Lanzada 2010

http://www.galiciaconfidencial.com/nova/5964.html

A gaivota viunos chegar, empoleirada como estaba sobre a cruz románica que coroa a esgrevia capela de sal e pedra. Os rapaces e rapazas do Salnés que conforman connosco a Brigada nº 6 da Deputación de Pontevedra (destinada a retomar as escavacións arqueolóxicas no campo d’A Lanzada) agochan tralas gafas de sol a lembranza alegre da festa de exaltación do viño de Barrantes, que tivo lugar onte e antonte en Ribadumia. As cuncas dan paso hoxe aos sachos, as tesouras e as piquetas, que agariman os muros das casas dos mouros, que exhuman as madrigueiras de coellos, toupas e cobras. Unha compañeira chama lembrando o teléfono do Servizo de Conservación da Natureza, para dar parte das serpes protexidas, dos niños de paxaro cos ovos inmaculados, agochados entre derrubos de época galaicorromana e anacos de ánfora.

Paradoxicamente, neste paradiso natural, os autobuses de turistas marcan o tempo coma un reloxo móbil. Seguir un grupo deste visitantes non ten prezo. O rebumbio, as gañas de pasalo ben dos xubilados do INSERSO que viaxan en temporada baixa. O Patrimonio arqueolóxico está fóra do discurso turístico. A xente vén ver a capela románica, rezarlle á Virxe milagreira, mercar recordos ás colareiras do Grove que rexentan os seus postos como gardadoras dos tesouros d’A Lanzada. Dentro da ermida, o grupo do último bus arríncase en loas á Nosa Señora, mentres escenifican a performance ritual que provén da noite dos tempos. Varrer a capela. O mesmo misticismo que se desata en Compostela vémolo aquí a a pequena escala. Cando lle tiro unha foto ao capitel románico no que se apoia a vasoira, un home entrado en anos, en ton reverencial pregúntame se ésa é a vasoira que trouxo a Virxe. Non sei se a Fe move montañas, pero o que si move son autobuses. As colareiras emprazadas estratexicamente a rentes da porta lateral da ermida, son mestras nisto da venda do souvenir icónico-relixioso.

Mentres colocan estampiñas e colares aquí e acolá aderezan o negocio cun fermoso relato das milagres recentes da Virxe d’A Lanzada; o pelo natural que lle ofreceu unha rapaza para que curase o seu pai de cancro… ou os sonados casos de parellas estéreis que acadaron ter fillos grazas á Nosa Señora, á ermida, ás nove ondas e á cama da Virxe, ao pé do mar. Nesa pedra cómpre facer o amor, despois dos rituais. Na noite de San Xoán está iso que non se para. Curiosa combinación de relixiosidade oficial e cultura popular. No calendario de actividades relixiosas da parroquia de Noalla, ao carón do palco da música, podemos ver anunciado un suxerente obradoiro: “taller de monaguillos”. Algúns dos turistas do autobús interésanse sobre as escavacións arqueolóxicas que estamos iniciando: eran celtas ou romanos?

Voltamos ao traballo. Malia os carteis que proíben verquer escombros e a acampada intinerante (sic), durante a limpeza sacamos botellas de viño de Barrantes, restos de churrascadas, piquetas de tendas de campaña, os pivotes de cemento do valado das escavacións dos anos 70 levadas a cabo polo Museo de Pontevedra, restos dunha antena parabólica Televés, zapatillas deportivas, unha carteira roubada en 2005 cun conversor de pesetas a euros, bolsas de plástico de pipas Facundo e un bote dun medicamento que contén un líquido azul, que non é outra cousa que un fungicida de aplicación vaxinal, co mesmo compoñente químico que o usado para a restauración e conservación de muros de pedra.

Sería dalgún ou algunha que se tomou demasiado en serio o da cama da Virxe. Entrementres chegan catro homes de visita. Son cregos, un deles profesor de Relixión no Instituto, un home adiantado ao seu tempo que nos falaba hai vinte anos de psicoanálise, Erich Fromm e cousas máis interesantes que os 10 mandamentos. O máis novo desmitifica a cama da Virxe; el recorda que cando era pequeno lle meteron catro barrenos á rocha e quedou cortada, que despois a auga do mar fixo o seu traballo erosivo. Home, a fricción tamén tivo que axudar, señor cura. Supersticións, supersticións, comenta o simpático Martiño de Dumio do século XXI.

O día vai indo entre neboeiros e o bruar do mar d’A Lanzada, o mesmo mar que se levou un mariñeiro de Ons, onte pola tarde. Lanchas, buzos e un avión de recoñecemento sulcan o ceo na procura do enésimo naúfrago. A rede de información parroquial comeza a moverse rápido; a cada pouco, pasan enviados especiais con faciana de despistados; ese motorista intrépido que bordea paseniñamente a área de escavación, sen perder detalle; esa furgalla do xitano Antón, que xa vai pola segunda pasada rexistrando topograficamente cada malla metálica, cada poste; ese chimpín de recoñecemento, auténtico Diaño sobre rodas, que non entende de dunas móbeis… Un home achégase á escavación, guiado, segundo di, polas novas que aparecen na prensa. Chámase Hipólito, é dono dun restaurante e o último supervivinte do equipo de operarios que axudaron a Xosé Filgueira Valverde e Antonio Blanco Freijeiro nas escavacións da década de 1950 n’A Lanzada. Hipólito comezou en 1950 con vinte aniños. Memoria viva da historia da Arqueoloxía galega.

Como vedes, un día n’a Lanzada dá para moito. Todos os seguidores e seguidoras de Galicia Confidencial estades convidados a visitar as escavacións arqueolóxicas (www.alanzada.wordpress.com) dirixidas polo arqueólogo da Excma. Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez Martínez e executadas por un amplo equipo arqueolóxico do Laboratorio de Patrimonio do CSIC, no marco do proxecto Pousadas do Salnés, financiado con fondos europeos. No vello castro d’A Lanzada estaremos todo o verán, vixiados de cerca por unha gaivota curiosa. Se non nos vedes, preguntade pola cama da Virxe…

Advertisements

From → O equipo, O proxecto

Os comentarios están pechados.

%d bloggers like this: