A brigada nº 6
A xente do Salnés como chamaría aos habitantes do castro d’A Lanzada hai 2000 anos? A construción social da identidade é un proceso que focaliza a axenda arqueolóxica nos últimos anos. Todos herdamos referentes colectivos (a parroquia, o clan) pero tamén escollemos outros (equipo de fútbol, modo de vida, profesión) e renegamos ás veces daqueloutros (cambio de sexo, apostasías, etc…). O amplo equipo d’A Lanzada 2010 somos un fato de persoas fillos do seu pai e da súa nai, cada quen é diferente. Pero como dicía Wenceslao Fernández Flórez en El Bosque Animado: La fraga es ella misma un ser compuesto de muchos seres. Como la ciudad. Levamos pouco tempo traballando xuntos, pero xa comeza a agromar unha autofirmación identitaria: somos a Brigada nº 6, como a daqueles republicanos que liberaron París. E unha cousa é certa: a brigada nº 6 traballa ben e rápido. Velaquí tendes as vellas casas do castro d’A Lanzada, resucitadas polo entusiasmo da brigada nº 6.
Os comentarios están pechados.