Misión inminente
As vellas pedras xorden entre o fentos, as silvas e as toxeiras. Nun par de días de traballo temos diante nosa un campo afuracado, polos homes e mailos animais. Centos de obxectos abandonados poñen en evidencia a nula efectividade dun cartel chantado ao carón da estrada: Prohibido verter escombro. A partir de mañá iniciaremos a reescavación da área intervida décadas atrás. A nosa estratexia de traballo contempla un rexistro minucioso que nos permita abordar unha reinterpretación diacrónica e integral do sitio. O que faremos será o seguinte, nas próximas semanas:
1. Documentación das áreas nas que se conserven solos de ocupación e pavimentos se escavar.
2. Documentación gráfica dos perfís estratigráficos das cuadrículas Wheeler e eliminación dos muros-testigo.
3. Elaboración dunha planimetría de detalle que inclúa todas as estruturas documentadas en pranta.
4. Realización dunha primeira análise estratigráfica dos paramentos murarios e unha diagnose do seu estado de conservación.
5. Ampliación da prospeción magnética a diferentes áreas do castro. Estes traballos están fornecendo unha suxerente información que vos iremos amosando nos vindeiros dias.
Os comentarios están pechados.