Varrer a capela
No noso proxecto prestaremos especial atención á cartografía simbólica da paisaxe d’A Lanzada, coa colaboración da nosa compañeira Paula Ballesteros Arias (LAPA, CSIC) e do antropólogo Buenaventura Aparicio Casado, dous investigadores que coñecen perfectamente a Antropoloxía Cultural das Rías Baixas. A este respecto, Xosé Filgueira Valverde xa lle adicara tempo ao rexistro e estudo do folklore d’A Lanzada, como se pode apreciar na documentación inédita conservada no Museo de Pontevedra. Nun destes papeis, titulado Varrer a capela, recolle cantigas na honra da Virxe d’A Lanzada:
Miña Virxe da Lanzada,
foulle limpar a capilla;
El dixo dende o outo:
“¡Dios cho pague miña filla!”
Nos pobos célticos non se pode varrer de noite nas casas para que non fuxan os númenes protectores do fogar. outras prevencións e empregos máxicos son comúns en Galicia: non deixala trala porta de entrada, non varrer con ela os pes. Poñela na fiestra contra a treboada. No agro, disposta en cruz coa pala do forno, mellora a sementeira. Co ramallo para enriba afoxenta ós noxentos. Outros agoiros -asemade alleos ó rito da Lanzada- refírense ó material: codeso, xesta, silvarda…
Filgueira Varrer a capela original
Filgueira Varrer a capela transcripción
Fondo Filgueira Valverde do Arquivo do Museo de Pontevedra: FV Ar 12-8.
Figura: Mapa d’A Lanzada realizado polo Padre Sarmiento.
Os comentarios están pechados.