Saltar ao contido

Diacronía

by o 3 Xuño 2010

A preocupación pola diacronía reflectiuse na adopción de tres estratexias de traballo de campo fundamentais, que reproducen punto por punto as convencións e criterios compendiados no reeditadísimo Manual de Prehistoria y Arqueología de Campo do profesor M. Almagro, manual ao uso nas Universidades españolas dos 60:

  1. A apertura de trincheiras ou cortes estratigráficos. Estas valas de sondagem, como as denominaron os arqueólogos portugueses, causaron auténtico furor na Arqueoloxía do NW, aplicándose sistematicamente tanto nas estacións tipo Penha do Norte de Portugal, como Châ do Castro (Braga) (Jorge e Sousa 1980: 124), como nos castros minhotos de Abade do Neiva (Costa et al. 1980: 13; Almeida e Soeiro 1980: 29), Monte de Faria (Costa et al. 1980: 229) ou Citânia de Roriz (Costa et al. 1980: 28; Almeida e Soeiro 1980: 32), así como nos castros galegos escavados neses anos, non só A Lanzada (Filgueira e Fariña 1973: 63; Fariña e Filgueira 1976) senón tamén Castro Pequeno de Neixón (Acula 2008), Viladonga (Chamoso Lamas 1977), Borneiro (Eiroa 1975: 312) ou Penarrubia (Arias Vilas 1979: 615).
  2. A adopción da metodoloxía Wheeler de escavación. Sempre dentro do interior dos castros se diseña un reticulado conformado por cuadrículas de 3 metros de lado, separadas por muros testigo de 1 m de ancho. Este sistema de traballo, incorporado a fins da década de 1960 e aplicado en Neixón, Borneiro, Viladonga, A Lanzada, etc…
  3. Os cortes estratigráficos fornecían, dende a óptica desta Arqueoloxía histórico-cultural, materiais datables ao seren localizados en asociación cos niveis ou estratos documentados. Sen embargo, se trataba dunha cronoloxía relativa, que non era garantida nin pola consecución de estratigrafías seguras. Loxicamente, a introdución das análises de Carbono 14 supuxo a pedra de toque para esta Arqueoloía científica.
  4. O estudo dos conxuntos ceramolóxicos asociados aos estratos. Procurábase identificar variantes tipolóxicas con momentos culturais (encapsulados nos diferentes estratos), grupos e patróns estilísticos rexionais.

Fotografía: escavacións arqueolóxicas n’A Lanzada nos anos 70 (Arquivo do Museo de Pontevedra).


From → Historiografía

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: