Saltar ao contido

Arqueoloxía setenteira

by o 3 Xuño 2010

O exemplo d’A Lanzada, coma o do Castro Pequeno de Neixón, sintetizan o proceso de conformación en Galicia, a fins da década de 1960 e ao longo dos anos 70, dunha Arqueoloxía cientificista por parte da primeira xeración de arqueólogos e prehistoriadores galegos formados na Universidade compostelá. Non esquenzamos que nestes anos se produce de facto o relevo xeracional na Arqueología galega por parte dos discípulos dos arqueólogos e historiadores intelectuais galeguistas. Esta ruptura materialízase, dende o punto de vista epistemolóxico, co abandono expreso do paradigma celtista e coa defensa dunha renovación metodolóxica da disciplina, en aras dunha Arqueoloxía sistemática e científica.

Este aggiornamento metodolóxico, para o caso galego, consistiu, fundamentalmente, na procura da interdiscipinariedade, da planificación de estratexias de investigación e o traballo en equipo, nun intre no que a Arqueoloxía anglosaxona comenzaba a nutrirse das aportacións procedentes das Ciencias Naturais e da aplicación de novas técnicas e analíticas. A España chegaron lonxanos ecos desta ciencia arqueolóxica, así como desa Historia total, nai e casa común de todas as disciplinas humanísticas, que promulgaban os representantes da segunda xeración da Escola dos Annales francesa.

Todo este ambiente historiográfico, no que se desenvolveron as campañas de escavación na Lanzada de comezos dos 70 (con Francisco Fariña Busto, discípulo de Filgueira, á fronte)  concretouse na organización dun encontro nacional que vén sendo considerado coma unha das primeiras tentativas de reflexión crítica sobre a disciplina e as técnicas de investigación na historiografía española. Referímonos á celebración en Santiago das I Jornadas de Metodología Aplicada de las Ciencias Históricas (24-27 de abril de 1973) con ocasión do cincuentenario da Sección de Historia da Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. A reivindicación dunha práctica interdisciplinariedade, como xustificación e obxecto explícito do encontro, atópase recollida á perfección na introdución das Actas:

Hoy podemos definir la Historia como un lugar geométrico de todas las ciencias del hombre aplicadas al pasado, y por lo mismo el principio de interdisciplinariedad se impone con fuerza avasalladora. Los historiadores no podemos renunciar a él en nombre de un supuesto estricto histórico -¿cuál sería aparte la mera narrativa o memoria del pasado?- sino que precisamos aclimatar progresivamente y digerir para nuestra ciencia los conceptos y los métodos que nos llegan de las nuevas ciencias auxiliares. No hace falta ser profeta para vaticinar que en el porvenir inmediato ésta será la más intensa y la más ardua de nuestras preocupaciones metodológicas como historiadores (Eiras Roel 1975: 9).

Fotografía: escavacións arqueolóxicas dos anos 70 no Campo d’A Lanzada (Arquivo do Museo de Pontevedra).

From → Historiografía

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: