Saltar ao contido

Cultura Castreña

by o 2 Xuño 2010

Ao longo da década, a aplicación dunha administración centralizada, dependente de Madrid, combinaba cunha prática arqueolóxica real desvertebrada e dispersa, levada a cabo, fundamentalmente, a escala provincial. A única institución que servía de punto de encontro seguía sendo o Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (1944), coa súa Sección de Prehistoria dirixida por F. López Cuevillas e outra sección de Arqueoloxía, da que era responsable F. Bouza-Brey. Nas páxinas da revista oficial da institución (CEG) iranse publicando os resultados das escavacións d’A Lanzada.

Non obstante, xa se comezaban a percibir algúns cambios significativos, que afectaron de cheo ao predominio da Arqueoloxía do galeguismo cultural. En primeiro lugar, a superación da Arqueoloxía celtofascista española a mediados da década de 1950, proceso debido ao trunfo de posturas máis criticistas como as mantidas por Almagro Basch, Maluquer de Motes ou L. Pericot, que personificaron un notable reordeamento do sistema de saber-poder académico. Asemade, a morte do pai da Arqueoloxía galeguista, F. López Cuevillas (1958) produciuse no intre preciso no que comezaba a elaborarse unha nova visión de síntese sobre o mundo castrexo do NW por parte de coñecidos profesores universitarios, auténticos referentes da Arqueoloxía española do momento. Aquí se sitúa  A. Blanco Freijeiro, quen presentaba no I Symposium de Prehistoria de la Península Ibérica (Pamplona, 1959) unha visión global dun círculo cultural que xa non era definido como céltico, sendo designado cun termo máis aséptico e carente de connotacións étnicas como o de Cultura Castreña.

En Blanco Freijeiro, A. 1960. La Cultura Castreña. En I Symposium de Prehistoria de la Península Ibérica (Pamplona, 1959), 179-94. Nesta visión incide notablemente a experiencia do autor nas escavacións no castro d’A Lanzada.

Dá así inicio a década de 1960, definida dende o punto de vista historiográfico por dous procesos, aparentemente opostos, pero interrelacionados: por unha banda, o xurdimento dunha concepción anticeltista e positivista na maioría de novos arqueólogos galegos e, por outra banda, o seu vencello cunha nova tentativa  de institucionalización da Arqueoloxía galeguista (agora nacionalista), a través do IEGPS e do Seminario de Arqueología da USC.

From → Historiografía

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: