Saltar ao contido

Arqueoloxía da Arqueoloxía d’A Lanzada

by o 24 Maio 2010

Coa instauración do Novo Estado en 1939, a depuración da Universidade e a extinción do Seminario de Estudos Galegos, a actividade arqueolóxica en Galicia pasa a incardinarse na nova Administración, sendo dirixida polos Comisarios Provinciais. Pola súa vez, constátase unha volta ao localismo de preguerra, xa que as escavacións se levan a cabo por eruditos con experiencia que lideran a actividade dos Museos das capitais provinciais, como foi o caso de Filgueira Valverde no Museo de Pontevedra, ou de López Cuevillas en Ourense.

Tralos primeiros procesos de sancionamento polas novas autoridades franquistas, a Arqueoloxía do galeguismo cultural acada infiltrarse na Administración, co nomeamento do xuíz F. Bouza Brey como Comisario Provincial de Pontevedra (1941-1951), sempre hostigado polo falanxismo local, ou a detentación do mesmo posto para a provincia de Ourense por parte do propio F. López Cuevillas, expedientado previamente no seu cargo de funcionario de Facenda.

Fotografía: detalle das primeiras escavacións arqueolóxicas n’A Lanzada na década de 1950 (Arquivo Gráfico do Museo de Pontevedra).

From → Historiografía

Os comentarios están pechados.

A %d blogueros les gusta esto: